Saturday 20 de April de 2024

A Xunta apoia o proxecto do Xeoparque Cabo de Ortegal no reparto de fondos dos plans de sustentabilidade turística en destino


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación da iniciativa da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico de Ortegal promovida pola Deputación da Coruña

― Trátase dun dos 9 proxectos considerados aptos pola Xunta e o Goberno central para os que se propón outorgar 14,6M€ dos fondos europeos Next Generation

― Alfonso Rueda destacou a importancia dos fondos europeos no reforzo de Galicia como destino seguro e a filosofía destes plans para consolidar un turismo sostible respectuoso co entorno

― A sustentabilidade é un dos piares da folla de ruta da Xunta para deseñar o modelo de turismo galego

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe en Valdoviño na presentación do proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal a importancia dos fondos europeos para reforzar Galicia como destino seguro a través, por exemplo, dos 14,6 millóns de euros dos fondos Next Generation asignados a Galicia que forman parte dos fondos destinados ao Plan do Litoral no marco da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD).

O proxecto do Xeoparque Cabo do Ortegal da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal promovido pola Deputación da Coruña, é un dos 9 presentados por entidades de tódolos signos políticos e considerados aptos polos técnicos da Xunta e o Goberno central.

A iniciativa do Xeoparque Cabo Ortegal cumpriu, ao igual que os outros 8 proxectos considerados aptos por ambas administracións, cos criterios esixidos pola Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino da Secretaría de Estado de Turismo, isto é, transición verde e sustentable, eficiencia enerxética, transición dixital, calidade e vocación turística do destino, ademais do carácter litoral do plan.

O proxecto pretende modernizar e facer máis sostible a oferta turística do territorio que abarca os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño e co obxectivo de reforzar tamén a súa candidatura para ser declarado xeoparque mundial pola Unesco, unha distinción que en Galicia só acadou ata agora o xeoparque das montañas do Courel.

Alfonso Rueda puxo en valor a riqueza xeolóxica desta zona que serve de elemento diferenciador da súa oferta turística con máis de 52 lugares catalogados de interese xeolóxico, ao que se suman varios espazos naturais protexidos. Polo tanto, engadiu que se trata dun escenario ideal para desenvolver o xeoturismo e o turismo de natureza ou o turismo activo e deportivo, mercados que tamén a Xunta apoia para desestacionalizar a oferta. De feito, o proxecto presentado aos PSTD inclúe accións como a creación dunha rede de centros de interpretación do xeoparque, a promoción do Camiño de Santo Andrés de Teixido, a posta en marcha dunha rede de rutas de sendeirismo e BTT e a aplicación de sistemas de intelixencia turística.

O vicepresidente primeiro da Xunta incidiu tamén en que a iniciativa coincide coa folla de ruta do Goberno galego para deseñar o modelo de turismo do futuro, do que un dos piares fundamentais é a sustentabilidade e a aposta por un turismo seguro, de calidade e en contacto coa natureza respectuoso coa contorna.

Nesta liña, lembrou que a aposta pola sustentabilidade cun turismo tranquilo e non masificado e en contacto coa natureza e o reforzo de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu que a recuperación turística na comunidade se sitúe 25 puntos por riba de media estatal sendo a segunda autonomía con maior recuperación da demanda de noites e a terceira en número de viaxeiros respecto a 2019. Ademais, a reactivación do Camiño de Santiago supuxo superar as 170.000 Compostelas no que vai de ano, superando xa en setembro as 140.000 previstas para este ano.